II Feira do Libro Anarquista da Coruña
A II Feira do Libro Anarquista da Coruña encherá o barrio do Orzán de publicacións, editoriais e actividades arredor do ecoloxismo libertario
O encontro, que terá lugar a vindeira fin de semana –os días 8, 9 e 10–, congregará na rúa Boquete de Santo André postos de editoriais e colectivos libertarios de toda a península ibérica e de Italia, nun programa que se completa cunha quincena de presentacións e faladoiros no Circo de Artesanía e distintos locais hostaleiros da zona
A Coruña, 1 de setembro de 2023. A II Feiro da Libro Anarquista da Coruña, que organiza o colectivo Refuxios da Memoria e mais a editora libertaria da Coruña Bastiana, encherá a vindeira fin de semana o barrio do Orzán de cultura editorial libertaria. Esta edición, que consolida o evento a nivel estatal, centrará o foco no ecoloxismo libertario, nunha reflexión arredor da crise do sistema capitalista e as súas consecuencias –quecemento global, perda de biodiversidade en todo o planeta, dificultade de acceso a recursos básicos para cada vez máis capas de poboación…–, pero tamén quere facer análise dos procesos de resistencia e autodefensa que se están a desenvolver nos distintos territorios e das saídas alternativas ao escenario de colapso ecosocial que se albisca.
Entre o sábado 9 e ata o domingo 10, editoriais e colectivos libertarios da península ibérica e Italia traerán as súas publicacións ao mercado da FLAC, que estará instalado na rúa Boquete de Santo André (paralela á rúa Orzán, entre Pórtico de Santo André e a rúa Sol). O encontro cos libros e os fanzines virá acompañado dun programa de actividades en distintos puntos no barrio que inclúen unha quincena de presentacións e faladoiros, e que comezará xa o venres, día 8, ás 20 horas, en Boquete de Santo André, de onde partirá un roteiro pola “zona cero do libro anarquista galego”. O barrio do Orzán foi, desde finais do século XIX e ata 1936, sede da maior parte das editoriais anarquistas galegas, que nese período publicaron máis dun cento de libros ácratas.
As actividades da FLAC complétanse coa programación cultural, que levará as súas actividades o sábado e o domingo ao Circo de Artesanía (Santo André, 36), os restaurantes Al Wahab e Ama, e os pubs e bares El Siglo, A Cova Céltica, Bar 13 e Meliora, todos eles na contorna da feira.
O Circo de Artesanía será a sede da primeira destas actividades paralelas. Darán comezo o sábado co encontro en formato entrevista entre o politólogo Carlos Taibo e a tamén politóloga María Castelo, que se presenta baixo o título “O colapso em verde”. Nesta mesma localización terá lugar, ás 18 horas, a palestra “Véspera de nada: asociación por unha Galiza sen petróleo”, con Begoña de Bernardo. Ás 19 horas será quenda para a presentación da revista “15-15-15” e do recital do poemario decrecentista “Fuxidía mañá”, de Rodrigo Osorio. A xornada péchase, ás 20 horas, con Aranza González, de Aldeas Libres de Macroeólicos, e o faladorio “Mobilización cidadá: do asociacionismo local ao traballo cooperativo”.
Xa o domingo, ás 12 horas, no mesmo Circo de Artesanía, Juako Escaso, da Editorial La Neurosis o Las Barricadas, presentará “Anarquía natural. Teoría y práctica del naturalismo libertario en el estado español”. E ás 13 horas, o colectivo Refuxios da Memoria dará a coñecer o seu clube de excursionismo libertario Velaí Vai.
Tamén nos bares e restaurantes O resto do programa espállase o sábado por media ducia de locais hostaleiros do barrio. Ás 13 horas, no restaurante Al Wahab, Marta Romero-Delgado, presentará “Lucy Parsons (1851-1942): antología de una anarquista olvidada”, da editorial Imperdible. Ás 13.30 horas, a autora Iria Bragado falará no pub El Siglo de “Versos violentos”, da editorial Saurobuks. Ás 16.30 horas, na mesma localización, Mário Rui, da editorial Barricada de Livros, presenta “Nem obedecer, nem comandar - Un léxico libertario”, de Francesco Codello, mentres que ás 17.30 horas será a quenda de Sergi Onorario Esteve, da editorial Descontrol, sobre a publicación “Ayuno digital”, da que é autor. Ás 18.30 horas será o momento de coñecer “De ludditas a nerrurales. Anarquismo, ecología y la crítica del progreso”, un percrrido pola andaina da editorial El Salmón, da man de Salvador Cobo.
Ademais, no Ama, ás 17 horas, Gregorio Iglesias, do Grupo Higinio Carrocera, conducirá a presentación da obra “De B. Traven a Ret Marut lo que hay es una vida”. Na Cova Céltica, ás 19.30 horas, Francisco Xavier Redondo Abal, exporá as liñas principais de “El movimiento libertario español visto por la Policía franquista”, que edita a Fundación Anselmo Lorenzo. No Meliora, ás 20.30 horas, Eliseo Fernández, abordará a obra “Psiquiatría, corrupción e loita de clases: a folga do manicomio de Conxo en 1933”, da editorial Piedra Papel Libros. Para pechar a xornada, o Bar 13 acollerá, ás 21 horas, a presentación de “Hopepunk: unha visión esperanzadora do mundo”, con Nieves Delgado e Manuel Moledo.
Algunas fotografías dos eventos serán publicadas na conta de twitter do colectivo @refuxios e poderán usarse para a súa difusión. Calquera consulta sobre a actividade pódese dirixir á conta de twitter do colectivo, ao email memorial@refuxiosdamemoria.org ou ao teléfono 652 812 076 (Daniel Pallei)
- Inicie sesión o regístrese para comentar
- Imprimir
- 398 lecturas
- Enviar a un amigo