[GAL] Colectivos e entidades de Ourense reúnense fronte á violencia contra persoas en situación de senfogarismo e drogodependencia

No venres 6 de xuño, tivo lugar unha asemblea na cidade de Ourense que reuniu diversas entidades e colectivos sociais preocupados pola crecente violencia exercida contra persoas en situación de senfogarismo e drogodependencia, especialmente nos barrios da Ponte e do Vinteún.

As persoas asistentes á asemblea denuncian que esta problemática é consecuencia directa de:

1. A insuficiencia de recursos públicos, a externalización dun servizo que debería ser público, e a escasa asignación orzamentaria do Concello e outras institucións ás entidades que traballan no ámbito social. Esta falta de financiamento tradúcese nunha ausencia alarmante de profesionais capacitados.

2. A presenza de grupos fascistizados (reforzados por achegas doutros territorios), que están a propagar discursos de odio a través das redes sociais. Estes grupos publicaron ilegalmente imaxes e informacións de persoas da cidade co obxectivo de crear un clima de medo e incerteza entre a clase traballadora. As súas accións están a desenvolverse con total impunidade e xa deron lugar a agresións contra persoas en situación de exclusión.

3. A necesidade urxente de construír un contradiscurso que confronte estas ideas fascistas e teña impacto directo nos barrios, discurso que xa está a afectar a outros colectivos. Preténdese concienciar a clase obreira e desartellar iniciativas como as chamadas “patrullas veciñais”, que actúan á marxe da legalidade e alimentan o conflito social.

Sinalouse a responsabilidade das institucións na perpetuación da vulnerabilidade destas persoas, así como o papel que xogan a policía e o sistema xudicial no contexto do narcotráfico en Ourense. Mesmo así, aínda que a situación é especialmente visible nos barrios da Ponte e do Vinteún, as desigualdades afectan toda a cidade.

Cómpre lembrar que as situacións de exclusión, drogodependencia e marxinación non son fenómenos naturais nin individuais, senón consecuencias directas dun sistema económico que expulsa milleiros de persoas fóra dos marcos da vida digna. Desemprego, pobreza, abandono institucional, destrución dos servizos públicos, falta de vivenda, carencia de recursos para a saúde mental e adiccións: esa é a verdadeira inseguridade que vivimos. E o responsable é un sistema capitalista que só ofrece miseria a unha parte crecente da sociedade.

Finalmente, a asemblea convoca toda a veciñanza e os colectivos sociais a unha nova reunión, que terá lugar o vindeiro martes, 10 de xuño, ás 19:30 horas, no barrio da Ponte, para continuar organizando respostas conxuntas e solidarias.

Aviso Legal  |  Política de Privacidad  |  Contacto  |  Licencias de Programas  |  Ayuda  |  Soporte Económico  |  Nodo50.org