Crónica de la 3ª mani en solidaridad con el CSOA Escarnio e Maldizer y la "delicadeza extrema" con la que apalearon a la gente
Tras as mobilizacións anteriores, onte, sábado 10 de xuño, o colectivo do CSOA Escárnio e Maldizer convocara unha nova manifestación para responder o seu desaloxo o pasado martes 30 de maio. A semana anterior estivera marcada polas novas alarmistas e sensacionalistas ao redor da mobilización, resaltando o seu carácter ilegal e non comunicado á Subdelegación do Goberno, así como tamén por toda a manipulación dos distintos medios de prensa de maior tirada con respecto á actividade do centro social desaloxado, inventándose numerosas mentiras coas que encher as páxinas dos seus noxentos xornais, criminalizando todo o tecido social e o movemento de solidariedade que se estivo creando durante eses 3 anos de loita, autoxestión e actividade política e cultural antagonista e que tanto o día do desaloxo como en días seguintes estivo moi presente, de distintas formas e con distintas vías para expresar a súa raiba e o seu apoio ao Escárnio e a calquera outro proxecto autoxestionado de loita ameazado no Estado (por certo, forza para o CSOA La Redonda de Granada tamén baixo ameaza de desaloxo, ánimo, compas!).
A pesar desta arrolladora campaña de desprestixio e de difusión do medo por parte dos seus fabricantes da prensa comercial, un gran número de activistas solidaries fixemos fronte ao medo e démonos cita na Alameda de Compostela onte, sábado, arredor das 21:00, cando as compañeiras da Batukada Feminista comezaron a súa actuación, engadindo un aire festivo ao ambiente que serviu para acougar ánimos e aliviar a tensión dalgunhas persoas provocada pola presenza policial que rodeaba todo o parque e o mesmo ceo (os seus helicópteros levaban varias horas sobrevoando), e cuxa forma de proceder era, ata ese momento, imprevisible. Foi entón cando, unha vez formada xa a cabeceira da manifestación, a policía achégase e di que permitirán que a manifestación saia (apesar de lembrar por enésima vez que non se solicitou o pertinente permiso), cunha advertencia de que tiñamos totalmente prohibido o acceso á Zona vella (polo visto, ás autoridades e sobre todo ás elites financeiras da cidade preocupáballes que unha manifestación pola okupación na zona vella puidese amolar ás súas queridas turistas nun sábado tan bonito).
A multitudinaria manifestación discorreu entón desde a Alameda cara a Praza de Galicia, enfilou Doutor Teixeiro e percorreu sen incidentes varias rúas da zona nova da cidade coreando consignas a favor da autoxestión e a okupación, contra a policía e a súa represión, contra o Estado, o Capital e contra os medios e as súas mentiras.
Ao chegar a rúa República Arxentina, “prodúcese a miragre”. O portón metálico que dá acceso ao patio do antigo colexio Peleteiro, desde hai anos abandonado e situado agora noutro punto da cidade, é aberto e convídase ás manifestantes a entrar.
Tras un anaco coa porta pechada, á expectativa, vólvese abrir para que poida saír quen o desexe dado o imprevisto da acción para moitas persoas, e redúcese o grupo que permanece no interior, mentres fóra mantéñense o resto das manifestantes en solidariedade, concentradas. Mentres, dentro lese un comunicado e téntase realizar unha asemblea, con varias veciñas asomadas á xanela do edificio de vivendas de en fronte. Con todo, non tarda en actuar a policía, que carga violentamente contra as compañeiras que se atopaban fóra, dispersando a unha parte polos arredores mentres que outro grupo senta no chan para tentar resistir e pecharlle o paso aos furgóns dos madeiros. É entón cando, sen ter recibido ataques, os madeiros volven cargar, disparando algúns pelotazos de goma (insisto, contra un grupo de activistas sentadas no chan) e mallando nelas, ademais de arrastrar pola calzada a varias persoas tirándolles do pelo ou da roupa. Nas rúas contiguas, grupos de policías de paisano agardaban ademais con porras extensibles, golpeando a traizón e como covardes a todas as manifestantes que trataban de fuxir da sangría policial.
Tras despacharse a gusto e unha vez co camiño despexado polo seu habitual terrorismo de Estado, despois dunha longa incerteza no interior do espazo recén tomado polas manifestantes, os madeiros proceden a desaloxar o patio do antigo colexio Peleteiro, e a súa intervención non puido ser máis espectacular, ao máis puro estilo hollywoodiense. Supoño que, despois de mallar a un grupo de persoas pacíficas sentadas no chan, os madeiros necesitaban facer gala da súa pericia, non fose alguén a dubidar da súa valía.
Cun dos seus furgóns antidisturbios aparcado xusto diante do portón metálico que lles pechaba o paso, os madeiros subíronse ao teito do vehículo, desde onde lanzaron dous botes de fume (algunhas fontes afirmarían logo que se trataba de gas lacrimóxeno), que despediron un gas a alta temperatura e que logrou sementar o desconcerto e o pánico que, xunto á cegueira total que causou, permitiron aos axentes ingresar ao patio. Cabe indicar que en ningún momento fíxose xesto algún que puidese facerlles entender que se ía a resistir coa forza, e de feito, as persoas que okupaban o espazo berraron varias veces que non ían defenderse. Con todo, non dubidaron en gasear a unha chea de persoas sentadas ou deitadas no chan. Unha vez dentro, os madeiros retiraron rapidamente o mobiliario que barricaba a entrada e abriron o portón, logrando ingresar e procedendo a identificar dunha nunha a todas as compañeiras, xa que, aínda que ao principio optouse por resistir e negarse a saír se non era todas xuntas (ante o medo a ser malladas unha vez fóra a soas), terminaron por ceder considerando que a única alternativa exposta polos madeiros era saír todas xuntas pero detidas. Ademais, dous compañeiros que se atopaban subidos a un dos muros foron detidos. Ambos foron postos en liberdade con cargos horas máis tarde, aínda que persoalmente, nestes momentos aínda non coñezo as acusacións que pesan sobre eles.
Tras un bo intre agardando nunha rúa próxima, e unha vez xuntas de novo, procédese a reanudar informalmente a manifestación que de forma espontánea (e seguida de preto polos madeiros) diríxese á comisaría, para apoiar ás 14 compañeiras que foran trasladadas alí polos madeiros por non levar o DNI consigo, e aos dous detidos. Novamente entre berros contra a represión e a especulación e pola okupación e a guerra social percórrense varias rúas do centro ata chegar ás inmediacións da comisaría, en Porta Faxeira, onde agardaba un novo continxente policial despregado para impedir que se chegase á comisaría. Unha vez alí, óptase por permanecer na praza anterior á rúa da comisaría, onde continuaron as consignas e os berros e aproveitouse para increpar a toda a escoria policial de paisano que regresaba ao seu noxenta gorida, despois de cumprir co seu deber golpeando manifestantes pacíficas. Aos poucos foron saíndo as compañeiras retidas, poñendo fin a unha xornada de loita e desobediencia onde non só se deu un paso en canto a tentar tomar outro espazo deixando clara a mensaxe de que un desaloxo é e seguirá sendo outra okupación e que nada rematou, senón que ademais logrouse respostar dunha forma masiva e combativa ás provocacións e as intoxicacións dos mass-media en toda a semana anterior sen entrar no seu xogo e sen poñerlles en bandexa a carnaza que agardaban obter para seguir enchendo as páxinas dos seus noxentos xornais.
A pregunta é, a que escusa vitimista ides apelar agora?, como ides xustificar esta vez os golpes e os botes de fume contra manifestantes sentadas no chan? E o máis importante, condenará a hipócrita retórica “progre” do alcalde “do Cambio”, señor Noriega, a violencia policial de onte coa mesma rapidez coa que se apresurou a condenar a violencia dalgunhas manifestantes tras o ocorrido o pasado 30 de maio? Non, seguro que non, e en verdade tampouco agardamos menos. En calquera caso, esta vez a pelota está no seu tellado, é a súa reputación a que está en xogo, non a nosa.
A vosa represión pretende aterrorizarnos, silenciarnos, inmobilizar as vontades de quen se atreve a desafiar un mundo imposto que non é mundo senón gaiola e morgue. Pero non cedemos. Non cedemos porque, a pesar de que o medo é poderoso, só hai unha cousa máis forte que a nosa paixón pola liberdade, e é o profundo desprezo que sentimos cara a quen nola quita, a nós ou ás nosas compañeiras e veciñas e a outros individuos que forman parte da nosa contorna. Non cedemos porque o que vivimos onte, aínda que cada cal terá a súa propia vivencia e o seu propio punto de vista e analizará o sucedido dun xeito distinto, a moitas emocionounos, e vale a pena defendelo e coidalo.
Os medios referíronse a nós ao longo de toda esta semana cunha nova nomenclatura, chámannos as “pro-okupas”. Non somos ” pro-okupas”. Somos okupas cando precisamos espazos para vivir e conspirar, para crear e soñar, e somos veciñas cando nos atopamos na rúa e contámonos os problemas, e somos encarapuchadas cando atacamos ou precisamos defendernos e protexernos a nós e ás nosas, e somos solidarias cando alguén precisa do noso apoio, e odiámosvos, sí. Odiamos o mundo que nos impoñedes día tras día, odiamos as normas demenciais que rexen o voso sistema, e odiamos unha sociedade e unhas estruturas políticas baseadas na dominación e o abuso. Non somos “pro-algunha loita social”, somos a loita mesma reaccionando contra un presente intolerable.
A raiba sentida en común é unha arma poderosa (e preciosa) que non poderedes arrebatarnos nunca. Non estamos soas e tédesnos (e terédesnos) sempre enfronte.
Forza a todas as que onte deron a cara e resistiron ata o último momento, tanto dentro como fóra daquel patio. Tócannos a unha, tócannos a todas.
Un desaloxo, outra okupación!!
Informou o infame Disnomia para Abordaxe!
Desde Galiza Contrainfo informan de las lesiones a algunos compas en el interior del colegio Peleteiro:
Video-crónica de la mani de los compas de Galiza Contrainfo: https://www.youtube.com/watch?v=NL5IPCaUY78
- Inicie sesión o regístrese para comentar
- Imprimir
- 3917 lecturas
- Enviar a un amigo
Comentarios
Cuatrocientas propuestas de sanción de hasta 30.000 euros
Enlace: La Policía tramitará 400 propuestas de sanción de hasta 30.000 euros de multa para manifestantes de la marcha okupa