O SOV de CNT Ferrol na Folga Xeral do 27X
[Federación Local da CNT de Ferrol]
A CNT de Ferrol participou na folga xeral do 27 de xaneiro contra o alongamento da idade de xubilación e contra os recortes sociais pactados polo governo do PSOE e os sindicatos UGT e CC.OO. Un grupo de perto de trinta compañeiras e compañeiros, militantes da CNT e simpatizantes, participaron no piquete informativo situado na porta do estaleiro de Navantia, a partir das 6:00 da madrugada.
O piquete libertario tivo a desagradable sorpresa de atoparse co insólito recibimento por parte de dous dirixentes do sindicato nacionalista CIG, que recriminaron á CNT a súa participación no piquete. O voceiro comarcal da CIG Manuel Grandal e o antigo secretario comarcal Emilio Cagiao acusaron ao piquete da CNT de "vir montar lios" e convidaron aos militantes libertarios a abandonar a zona. Naturalmente as "ordes" dos dirixentes da CIG foron ignoradas pola militancia libertaria, que desenvolveron con normalidade a súa actividade, repartindo o comunicado do sindicato ao persoal que ía achegándose a este centro de traballo. Por outra banda, na mesma zona estaban apostados un numeroso grupo de antidisturbios e un insólito contrapiquete "amarelo" composto por membros do Comité de Empresa de Navantia (CC.OO.) que supostamente estiveron presentes para garantir a libertade de traballo. Malia todos os atrancos o piquete anarcosindicalista mantivo a súa actividade até que, pasadas as 7 da mañá rematou a entrada dos traballadores dos turnos da mañá. A situación foi tranquila en todo momento e os piquetes da CIG e da CNT informaron aos traballadores con normalidade, sen conseguir evitar que houbera unha boa cantidade deles que finalmente entraran ao centro de traballo.
Cara as 8 da mañá a militancia confederal formou piquete propio nas portas do Concello de Ferrol, repartindo o comunicado do sindicato, informando dos motivos da folga xeral e coreando consignas contra o alongamento da idade de xubilación e contra os recortes sociais. Algo máis tarde, pasadas as 9 da mañá, o piquete libertario uniuse ao da CIG no Centro Comercial Odeón, no veciño concello de Narón. O grupo percorreu o devandito centro comercial informando aos traballadores e traballadoras antes da apertura dos establecementos. Nesa altura o piquete da CNT ía dirixirse cara ao establecemento de Mercadona naquela zona, cando se produciu unha carga policial contra o piquete da CIG no concesionario de automóviles Bouza Car. A militancia libertaria tentou axudar aos compañeiros da CIG, mais foron tamén atacados a porrazos por un grupo de antidisturbios que chegaban de reforzo. O enfrontamente provocado pola policia saldouse con varios compañeiros da CIG e da CNT magullados polos porrazos e o apedramento de tres grilleiras policiais pola militancia sindical.
Pasadas as 10 horas o piquete da CNT percorreu o centro da cidade voceando consignas, repartindo o comunicado do sindicato e informando dos motivos da folga xeral. A Federacion Local da CNT decidiu non participar na manifestación convocada pola CIG pola nula vontade unitaria manifestada polos dirixentes deste sindicato, que rexeitaron calquera contacto coa nosa organización e que mesmo manifestaron que non ían contar con outras organizacións sindicais para a folga xeral. A chulería e prepotencia dos dirixentes da CIG para co piquete da CNT fixeron desistir defintivamente á militancia libertaria de participar na manifestación convocada en solitario pola CIG, valorando que existía a posibilidade dun mal recibimento por parte dos dirixentes do sindicato nacionalista, e desexando en todo momento evitar calquera incidente desagradable que puidera enturbiar a xornada de loita.
Nesa situación, a militancia anarcosindicalista celebrou unha asamblea no propio local, na que se valorou positivamente a participación da CNT na folga xeral e na que se manifestou a vontade de continuar as mobilizacións contra o alongamento da idade de xubilación e contra os recortes sociais.
Podemos concluir que, na nosa bisbarra, a folga non foi evidentemente xeral, mais houbo un certo número de traballadores e traballadoras de establecementos industriais e mesmo algúns pequenos comercios que se adheriron conscientemente á mobilización. Como ven sendo habitual nos últimos tempos, a paralización do comercio produciuse en horario de mañá mais foi prácticamente inexistente en horario de tarde.
Entendemos que a folga xeral non foi un éxito para a clase traballadora se a valoramos dende un punto de vista finalista, mais pola contra, creemos que pode ser un bó punto de partida se a consideramos como o inicio dun ciclo de mobilizacións da clase traballadora, na defensa dos nosos dereitos colectivos.
+ info:
- www.cntgaliza.org
- Inicie sesión o regístrese para comentar
Imprimir- 1289 lecturas
Enviar a un amigo












![Portal Anarquista norteamericano [inglés]](http://www.alasbarricadas.org/common/img/banners/infoshop.png)
![Portal Anarco-Comunista [internacional]](http://www.alasbarricadas.org/common/img/banners/anarknet.png)
![Portal Anarquista [inglés]](http://www.alasbarricadas.org/common/img/banners/libcom.png)
![Noticias para anarquistas [inglés]](http://www.alasbarricadas.org/common/img/banners/anarchorg.png)

![Cruz Negra Anarquista [Péninsula e Islas]](http://www.alasbarricadas.org/common/img/banners/cna.png)






